Monday 20 de May de 2024

O Concello de Noia abre o prazo de inscrición nos seus campamentos urbanos de conciliación para os meses de xullo e agosto


O Concello de Noia abre hoxe o prazo de inscrición nos seus  campamentos urbanos de conciliación para os meses de xullo e agosto. Unha iniciativa dirixida a nenos e nenas en idade escolar, de 4 a 12 anos, e que se desenvolverá no polideportivo Agustín Mourís, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
A concelleira de Xuventude, Laura Salgado, explica que “como en anos anteriores, haberá tres quendas de dúas semanas cada unha e unha cota de 40 euros por quenda”. As quendas serán do 13 ao 24 de xullo, do 27 de xullo ao 7 de agosto e do 10 ao 21 de agosto.
A temática deste ano serán as “Olimpíadas populares”, toda vez que a crise sanitaria da Covid-19 supuxo o aprazamento dos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. “Por iso, queremos que os nenos e nenas que participen nas actividades do verán dediquen o seu tempo de ocio á realización de distintos xogos deportivos e populares, co fío condutor das Olimpíadas”, explica Salgado García.
As inscricións poden formalizarse no segundo andar da casa do concello de Noia, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Máis información na Concellería de Deportes ou chamando aos teléfonos 981 842 100 e 981 377 703.